O C.R.D.O. Monterrei ratifica a súa colaboración con Expourense
Estarán presentes en todas as feiras e eventos organizados polo recinto ao longo de ano
En Xantar participarán no Túnel do Viño e tamén en VINIS TERRAE
O C.R.D.O. Monterrei ratificou a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permitirá estar presente en todas as feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2019. A sinatura deste convenio correu a cargo da presidenta da D.O. Lara da Silva, e o director xerente da Fundación Expourense, Alejandro Rubín. Este Consello Regulador é entidade colaboradora da Fundación dende o ano 2015. Isto implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ó longo do ano, sobre todo en Portugal, en virtude dos tintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.
Esta colaboración especial para o 2019 dará comezo durante a celebración de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 6 e o 10 de febreiro. O C.R.D.O. Monterrei estará presente no Túnel do Viño, un área que lles presentará aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. O consello convida ás adegas adscritas a participar neste espazo, un dos máis visitados polos profesionais que acoden ao salón para coñecer novas referencias. Os seus viños estarán presentes ademais maridando os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia nos showcookings de Xantar e organizarán unha cata comentada.
O CRDO Monterrei, que conta con 26 adegas adscritas participará tamén de xeito destacado na VIII edición de VINIS TERRAE, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que se celebra en Expourense os días 1 e 2 de abril e que está consolidado como unha importante cita internacional para as adegas da nosa comunidade que contribúe a posicionar aos viños galegos no mercado exterior.
Coa sinatura do convenio, ambos os dous organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños, tanto no territorio nacional como no estranxeiro.
Alejandro Rubín mostrouse satisfeito coa firma do convenio, que demostra que moitas entidades da provincia confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos. Pola súa parte, Lara da Silva salientou que Expourense é un bo escaparate para dar a coñecer os viños e realizar campañas de promoción que potencia a imaxe da marca do consello “ábrenos as portas do mercado internacional e axúdanos a petar nas portas correctas”.