A FESTA DO BOTELO, O 19 DE XANEIRO CON ROBERTO VILAR COMO PREGOEIRO E MENCIÓN DE HONRA AO RESTAURANTE FERNANDO III
O pregoeiro oficial desta edición da festa será o humorista, actor e presentador, Roberto Vilar, protagonista do programa “Land Rober Tunai Show” da Televisión de Galicia e a mención de honra entregarase ao Restaurante Fernando III.
Os actos de homenaxe terán lugar no Teatro Lauro Olmo, a partir das 12,00 horas do día 19, e a comida está prevista para as 14,30 horas no Pavillón Polideportivo.
O programa de actividades da XIX Festa do Botelo inclúe a proxección dunha película no Teatro Lauro Olmo relacionada co mundo da gastronomía. O título deste ano é “Una receta familiar” e poderá verse o xoves, 17, ás 19 e 21 horas no Teatro Lauro Olmo. Ao día seguinte, terá lugar a presentación do libro “Ninfopoética” da poetisa Fátima Delgado (presentadora este ano do acto do pregón) que será ás 20 horas na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán.
Unha hora máis tarde e no Teatro Lauro Olmo, a compañía “Contraproducións” porá en escea a obra “Commedia”.
Un ano máis haberá Feira de Produtos Tradicionais, que este ano estará no Campo da Festa, no Paseo do Malecón, durante o sábado todo o día.
Neste mesmo lugar tamén terá lugar o sábado 19 pola tarde a emisión do programa da
TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e de reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a tardiña os Cantos de Taberna voltarán a amenizar varios locais da vila coa música tradicional.