Recorrido cabalgata Reis Magos Coruña

A Cabalgata de Reis de 2019 arrincará mañá, sábado, no estadio municipal e no Pazo dos Deportes de Riazor coa benvida aos Reis Magos, antes de iniciar o seu percorrido cara á praza de María Pita, onde haberá instaladas pantallas que permitirán seguir en directo o desfile. O desfile tamén poderá verse a través do streaming dende a páxina web do Concello http://www.coruna.gal/portal/gl/concello/noticias/cabalgata-de-reis. Os actos comezarán ás 16.30 horas no estadio, onde o alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recibirán ás súas maxestades a pé de campo para despois acompañalos ao Pazo dos Deportes para que poidan saudar ao público asistente que se queira achegar. O desfile, no que participan 16 carrozas, catro trens e 450 nenas e nenos que acompañarán aos Reis Magos, iniciarase ás 17.30 horas. O percorrido, no que se lanzarán 12 toneladas de caramelos sen glute, estará amenizado por bandas de música, inchables, bufóns, malabaristas, clowns, dragóns de grande altura ou grupos de danza, entre outras propostas. O desfile rematará no Concello, onde o alcalde recibirá aos Reis Magos e os convidará a saudar aos nenos e ás nenas dende o balcón do Pazo de María Pita.

A comitiva dos Reis Magos sairá da avenida da Habana para continuar despois  por avenida Calvo Sotelo, Fernando Macías, Médico Rodríguez, Juan Flórez, Marcial del Adalid, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Mariña e a Praza de María Pita. O itinerario contará cun dispositivo específico de mobilidade, así como cun de seguridade conformado por 279 persoas e zonas sinalizadas para persoas con mobilidade reducida e lactancia.