Páginas

FIOT CARBALLO 2019

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT) É UN FESTIVAL QUE OFRECE UN PROGRAMA COMPROMETIDO COAS ARTES ESCÉNICAS E COS PROXECTOS DE MÁIS PRESTIXIO DO TEATRO ACTUAL. ESTÁ ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN CULTURAL TELÓN E APARTE E CONTA COA COLABORACIÓN DO CONCELLO DE CARBALLO.



Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas  de intermediación cultural que ofrece e a súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes enteiro de programación, con máis de 30 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas do país.

Dende hai case 30 anos o FIOT amosa en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadores emerxentes. Pero, sobre todo, o festival procura atraer novos públicos ao teatro. Así, fiel á súa vocación, na súa 28ª edición FIOT convida aos espectadores a saír das súas butacas e ser cómplices dos creadores cunha visión activa e crítica, comprometida e comprensiva, imaxinativa e divertida. Con #MIRADASFIOT, o festival pon o foco no teatro social, poñendo en valor a capacidade das artes e da cultura para xerar reflexión e diálogo sobre o mundo e a realidade “líquida” na que vivimos.

En concreto, quere subir ao escenario a individuos e colectivos que a sociedade mantén nas marxes, nas periferias, e aos que nega a súa identidade e o espazo que lles corresponde.

A muller e a mocidade ocupan o primeiro plano dun traxecto que ten a exclusión como paisaxe de fondo e polo que transitan problemáticas de máxima actualidade, como son a violencia machista, a identidade, a migración e a xenofobia, ou o envellecemento e a soidade. Personaxes con feridas abertas que rompen os lindes impostos e que, en primeira persoa, darán testemuña da fraxilidade das súas realidades, desencadeantes de conflitos e violencias que interpelarán ao público desde o escenario.

38 espectáculos, dos que 17 son estreas (9 absolutos e 8 en Galicia). FiotEEN, Teatro de Rúa, Micro-Escenas M2, Escola do Espectador, Premio do Público… Todo isto e moito máis encherá de teatro o outono de Carballo.

Programa, entradas, información oficial web https://fiot.gal/