Celebrarase os días 30 de novembro e 1 de decembro no Mercado de San Agustín
Desde hoxe mércores, 16 de outubro, ata o vindeiro 31 de outubro, permanecerá aberto o prazo de inscrición para todos os establecementos e asociacións interesados en participar no ‘Boucatise, V Festival Bocata Gourmet A Coruña’, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro no Mercado de San Agustín.
No concurso, convocado polo Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, poderán participar todas aquelas empresas, asociacións ou entes da provincia de A Coruña que pola súa traxectoria profesional e proposta temática encaixen co Festival, que se desenvolverá entre as 12h e 17h dos días sinalados.
As bases para os puntos de venda e servizos de bar, así como as fichas de inscrición, atópanse na web https://boucatise.coruna.es/ e deberán enviarse cubertas cos datos requiridos ao mail boucatise@gmail.com. A organización valorará a orde de recepción das solicitudes, así como o encaixe das propostas nos estándares de calidade e filosofía do festival.
O Boucatise celebra este ano a súa quinta edición. Un evento gastronómico que o ano pasado congregou a oferta de 12 establecementos hostaleiros da cidade e dous locais convidados de Ciudad Real e Trujillo. Ademais, en pasadas edicións, destacaba tamén a presenza de talleres e xogos para nenos, música ao vivo e showcookings en directo no propio mercado.
Unha cita culinaria onde conviven tradición e novas tendencias gastronómicas e que busca apoiar ao sector da restauración da cidade, a posta en valor do produto local e fomentar a variedade gastronómica de A Coruña así como potenciar os mercados como espazo de referencia para a celebración de eventos relacionados coa gastronomía.
