A VII Gala contra o Cancro de Ourense celébrase o 21 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense
• A Gala Contra o Cancro de Ourense celebra a súa sétima edición no Auditorio Municipal da cidade, o sábado 21 de decembro ás 20.30h.
• O evento aspira a voltar a colgar o cartaz de entradas esgotadas e superar os 40.000 euros de recadación durante os últimos sete anos.
• De Vacas, Davide Salvado e Fransy González, Patricia Moon, Antonio Luz e a Academia de Baile Fusión conforman o cartaz desta sétima edición.
• A gala estará presentada por Rubén Riós e Beatriz Serén.
A Gala contra o Cancro de Ourense volve este ano para celebrar a súa sétima edición. Tras seis anos enchendo o auditorio municipal, esta cita solidaria reuniu a referentes do mundo da música, a danza, o humor e a interpretación. Despois de recibir a artistas como Susana Seivane, Lucía Pérez, Emilio Rúa, Daniel Minimalia, Luís Emilio Batallán, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Xosé Manuel Budiño, Lys Pardo, Monoulious DOP, Xabier Vizcaíno, Xestreu, O Sonoro Maxín e Andrea Pousa entre moitos outros, este ano, a celebración terá lugar o sábado 21 de decembro no Auditorio da cidade.
Este ano, a Organización continúa traballando para seguir colaborando coa Asociación Española contra o Cancro que precisa de axuda para avanzar en proxectos de investigación. En palabras do organizador, David Rodríguez (presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas): “xa son sete anos colaborando con eles e a solidariedade desta cidade, fai que cada vez sexa maior a importancia deste tipo de eventos para combatir xuntos o cancro”.
A VII edición da Gala contra o cancro estará marcada por unha ampla variedade musical. A música do grupo De Vacas que cantarán eses temas e versións galegas que tan recoñecidas e famosas as fixeron. As tres intérpretes deleitará ós espectadores coas súas voces nun concerto único. Outro grande intérprete como Patricia Moon ofrecerá tamén un adianto dos seus últimos éxitos, con interpretación virtuosa de violín e piano tras regresar dunha exitosa xira por Europa. A música tradicional estará presente da man do artista Davide Salvado, quen porá a nota íntima e tenra coa súa música. Antonio Luz sorprenderá co seu particular estilo musical con temas tan ourensáns como “Entroido”. Tampouco faltará o baile, coa actuación da Academia de Danza Fusión. Todo isto, conducido polos mestres de cerimonias Rubén Riós e Beatriz Serén.
As entradas para a gala xa están disponibles á venda anticipada nas oficinas da Asociación Española contra o Cancro de Ourense, sita na rúa Curros Enriquez, 26. Nos vindeiros días, a Organización anunciará novos puntos de venda.
As entradas terán o custe de 5 € anticipada e de 8 € na billeteira. Este evento está organizado pola Asociación Xuvenil Cultural As Canellas e coa produción de Claqueta Coqueta a favor da Asociación Española contra o Cancro de Ourense.

