O alcalde presenta a “mellor cara” de Ferrol, que o Concello proxectará en Fitur mañá xoves
Mato avanzou dous vídeos que promocionan a urbe como “todo o que unha cidade quere ser” e os atractivos turísticos incluídos no proxecto europeo para a recuperación da costa
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a concelleira de Promoción Turística, María Teresa Deus, fixeron esta mañá un avance da presentación que o Concello de Ferrol levará a Fitur o próximo xoves. O rexedor anunciou que “vamos a dar a mellor visión da cidade, o que para nos é emblemático” e presentou aos medios dous vídeos promocionais “coa mellor cara de Ferrol”.
O primeiro mostra unha cidade “en feminino” que se presenta a si mesma como artista, histórica, gastronómica, moderna, naval, ilustrada, océano, natural, ría, alegre e outras moitas virtudes a través dunha artista no escenario do Teatro Jofre que mostra imaxes dos recunchos máis especiais do municipio. O alcalde explicou que o vídeo presenta a Ferrol como “todo o que unha cidade quere ser” e anunciou que o obxectivo é “dar a coñecer a cidade tanto fora como dentro dela” e dar “un impulso ao turismo”. Para elo, despois da celebración de Fitur en Madrid o vídeo difundirase a través das redes e proxectarse nas diferentes visitas ao Concello.
O segundo vídeo que se mostrará na feira da capital recolle o atractivo da zona costeira de Ferrol como parte do proxecto europeo MMIAH (programa Interreg) para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial da costa atlántica, liderado pola cidade e integrado tamén por Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia) e Limerick e Cork (Irlanda). A concelleira Deus dixo que tras a presentación da iniciativa europea o pasado mes de novembro na quinta edición da fería de turismo WTM celebrada en Londres, agora será o Concello de Ferrol quen presente en Madrid os detalles das distintas actuacións recollidas no documento. No apartado de patrimonio militar, o Concello pon en valor riquezas como o Castelo de San Felipe, as baterias da costa, o Ferrol da Ilustración e o Museo Naval. No industrial, mostra o estaleiro, Exponav, o dique das mareas da Cabana o a ruta da construcción naval. Finalmente, o MMIAH destaca como patrimonio marítimo de Ferrol a primeira milla do Camiño Inglés —da que tamén distribuiranse en Madrid folletos informativos—, o museo da Sociedade Galega de Historia Natural e a celebración do Sail The Way, celebrado por vez primeira o pasado verán.
