Páginas

Ourense ensina “O Camiño entre augas” en FITUR


• “Auga, auga e auga” é o centro da proposta que Ourense, coma Capital Termal, presentou na Feira Internacional de Turismo FITUR; onde tamén indicou a importancia do seu papel na Vía da Prata – Camiño Mozárabe e outros recursos que ofrece ao visitante 

•Ourense é a cidade galega na que máis medrou o turismo no 2019




“O Camiño entre augas” é o nome da proposta turística que amosou hoxe o Concello de Ourense no marco da Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid

 No evento tomaron parte o alcalde Gonzalo Pérez Jácome; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a concelleira de Turismo e Termalismo Flora Moure e maila actriz ourensá Cayetana Cabezas, quen, coas súas intervencións, guiou  a cita. 

 Gonzalo Pérez Jácome quixo repasar aspectos menos coñecidos da cidade, coma o seu papel como “segunda potencia termal de Europa”, un atractivo do que aproveitarse mesmo cando vai frío e chove; o seu Entroido, uno “dos tres máis importantes da Península”; e a  celebración da segunda “Noite do Medo”  en Ourense, a máis grande de Galicia, unha “Noite da Santa Compaña” que se vai celebrar o 31 de outubro.

 A calidade na preparación do polbo e o café e a espectacularidade e beleza no paso do Río Miño pola cidade, con catro pontes, foron outros dos atractivos que debullou o alcalde na súa intervención.

 Nava Castro, respondendo a Cayetana Cabezas, salientou a potencialidade de Galicia e en particular da cidade de Ourense como destino termal, un turismo de calidade que desestacionaliza e achega valor engadido.

  “A mensaxe coa que vén Turismo de Ourense a Fitur 2020 é clara: auga, auga e auga, a auga dos nosos ríos, a auga das nosas fontes e augas termais”, expuxo a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, unha auga que axuda a “amosar a cidade de Ourense coma un destino distinto, como esa Capital Termal onde saciar a sede de vida e de experiencias”.

Moure detallou ademais as características da Vía da Prata e Camiño Mozárabe ao seu paso pola urbe e apuntou que se trata da cidade galega na que máis medrou o turismo no pasado 2019. “É o momento de que a nosa mensaxe cale”, recalcou, ao tempo que convidaba a “mergullarse” en Ourense, a facer O Camiño entre augas.

 Como apoio a “O Camiño entre augas”, en Fitur tamén se presentou o novo vídeo de promoción de Turismo de Ourense.

 A cita xuntou máis de 100 convidados entre os que se atopaban divulgadores, xornalistas especializados e profesionais do sector que se mostraron moi interesados na proposta ourensá