Prazas en balnearios de Galicia 2017 para maiores de 60 anos
O 17 de abril remata o prazo para poder optar a unha destas
prazas que ofrece o programa “Benestar en Balnearios” da
Consellería de Política Social
Participan 14 balnearios galegos, 5 na provincia de Ourense, 4 en
Pontevedra e Lugo e 1 na Coruña
![]() |
Balnearios Galicia prazas benestar social |
Convócanse un total de 600
prazas para participar nesta iniciativa en diferentes quendas ao longo do ano. As
solicitudes poderán presentarse ata o 17 de abril.
Requisitos para participar no programa
Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55
que reúnan a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez,
viuvez ou outras pensións.
Os solicitantes deberán estar empadroados e residir
nalgún Concello da comunidade galega.
Terán que valerse por si mesmos para as
actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
Non
poderán padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal
convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade transmisible con risco de
contaxio.
E carecer de contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.
A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que
cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade.
Tamén poderán participar, en
calidade de acompañantes, os fillos dos solicitantes que teñan un grao de
discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando se poidan desprazar con
autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade.
Presentación de solicitudes
Os interesados poden consultar toda a información sobre o programa “Benestar en
Balnearios” na web http://benestar.xunta.es/web/portal/portada, para coñecer as
indicacións terapéuticas de cada centro, as datas e quendas de cada un e os prezos
que ofertan.
As estadías son de dez días con diferentes quendas ao longo do ano. As
tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das
características de cada balneario, entre os 299,81 e os 376,46 €.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito
presencial en calquera rexistro da Xunta de Galicia ou nos municipais.
Tratamentos termais con fins terapéuticos e actividades socioculturais
O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en
cuartos dobres de uso compartido. Ademais, os beneficiarios poderán someterse a
tratamentos termais con fins terapéuticos, que comprenden: o recoñecemento médico
ao ingresar no balneario para a correcta prescrición do tratamento, o tratamento que
prescriba o facultativo do balneario, o seguimento médico do tratamento, xunto coa
participación en actividades de animación sociocultural que se leven a cabo no
establecemento termal.
Participan 14 balnearios de toda Galicia
Nesta convocatoria participan un total de 14 balnearios de toda Galicia. Da provincia
da Coruña o Balneario de Carballo.
Da provincia lucense están o Balneario de Guitiriz,
Augas Santas (Pantón), o Balneario de Lugo-Termas Romanas e Río Pambre (Palas
de Rei).
De Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas,
Arnoia Caldaria Hotel Balneario, Laias Caldaria Hotel Balneario (concello de Cenlle),
Lobios Caldaria Hotel Balneario e o Gran Balneario do Carballiño.
E en Pontevedra os
balnearios de Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Termas de
Cuntis e Balneario Acuña (en Caldas de Reis).
Dende a Asociación de Balnearios de Galicia valórase “moi positivamente que a
Consellería de Política Social siga a apostar por este programa, de indubidables
beneficios sociais e sanitarios para os nosos maiores, malia que non chegue ao
número de prazas que ofertan outras comunidades nos seus programas autonómicos
como Valencia (10.000 prazas), Castela A Mancha (3.000 prazas) ou Castela e León
(2.000 prazas)”.
Os interesados poden informarse chamando ao teléfono 981 547 437 da Subdirección
Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, así como
nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social, nos Centros
Sociocomunitarios de Benestar da Consellería, nos servizos sociais comunitarios dos
concellos e nos servizos sociais de atención primaria e especializada de saúde.
Tamén poden chamar ao Teléfono Social: 900 333 666