O dolmen da Pedra Moura, Carballo é un dos máis grandes de Galicia. Este antigo monumento funerario arrastra milenios ás súas costas. A historia dátao entre o 3.500 e o 2.700 antes de Cristo, na época de apoxeo da cultura megalítica. Hoxe en día só conserva cinco dos sete chantos que o constituían en orixe. Di a lenda que as pedras que conforman esta anta foron carrexadas por unha muller dende o petón de Calvelo, mentres fiaba na roca e aleitaba unha crianza.
Está situado no interior do concello, na parroquia de Aldemunde (Brañas do Carrexal), a máis pequena de Carballo, nunha zona de grande interese paisaxístico e ecolóxico. Preto atopamos o castro de Aldemunde e, na mesma parroquia, un espazo natural de gran valor, a Ribeira da Pena, un dos bosques autóctonos máis importantes da Costa da Morte.
